O poder central ameaza con asaltar o aforro das galegas e dos galegos
27 xaneiro 2010Desde o BNG de Mugardos informámosvos da nova tentativa do Goberno español para apresentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas que impulsou o BNG no Parlamento Galego.
De o facer, estaría a perpetrar un asalto en toda regra ao sistema financeiro do noso País. Estaría, ademais, a consumar unha nova agresión ao autogoberno de Galiza. Con esta iniciativa, o goberno socialista tentaría “espoliar” o aforro galego e drenalo cara outros territorios.
Desde o principio deste debate, o BNG advertiu de que o que estaba en xogo era precisamente o destino dos aforros das galegas e dos galegos. Que facer con eses recursos económicos? Esa é a cuestión. E aí hai dúas opcións. Ou investilos no desenvolvimento económico e produtivo do noso País, desde a supervisión do poder político galego, ou permitir que se desvíen cara á outros territorios do Estado, como historicamente ten acontecido con outros recursos do noso País (nomeadamente a enerxía eléctrica). Por iso o BNG tomou a iniciativa e apostou resoltamente por impulsar un novo marco legal que regulase e blindase o sistema financeiro galego (eis a Lei de Caixas). Por iso o BNG tivo claro que a única opción viábel para garantir a galeguidade dese sistema financeiro era a fusión das caixas galegas. Calquera outra vía levaba inevitabelmente aparellada tanto a perda do centro de decisión como a segura expatriación dos nosos aforros.
O eventual recurso do Goberno español -empurrado polo mesmo Banco de España que clama porque se abarate o despedimento e pola cúpula da Confederación Española de Caixas de Aforros, controlada polos que desexan a absorción das caixas galegas- pon de relevo até que ponto a nova Lei de Caixas era necesaria e un bon instrumento para defender os intereses do noso País.
A estratexia centralista e anti-galega de Madrid (deslocalizar as caixas para nunha segunda fase entregalas á banca privada española) conta coa colaboración do seu satélite galego -o PSdeG- e con sectores da sociedade galega que, se ben minoritarios, non dubidan en seguirlle o xogo ao Banco de España.
Hai que prepararse, pois, seriamente para a hipótese de que Madrid recorra ao Tribunal Constitucional para cuestionar a Lei de Caixas, val dicer, para atentar contra o autogoberno de Galiza. Non sería a primeira vez que tal cousa sucede cun Goberno PSOE no Estado. En 1983, os socialistas españois recorreron…a Lei de Normalización Lingüística! E nada máis e nada menos porque no texto se equiparaba en dereitos e deberes o galego co castelán!
De se consumar este novo torpedo á liña de frotación da capacidade de decisión dos galegos e das galegas, haberá que artellar unha Posición de País que abranga, tal e como afirmou o noso portavoz nacional, Guillerme Vázquez, a todas as forzas políticas, sindicais, empresariais, sociais, culturais, da nosa nación, para “enfrentarnos, e dígoo con toda claridade, a aqueles que queren espoliar os nosos recursos”
Deixa unha resposta
Tes que estar rexistrado para enviar un comentario.