O Concello reclama na Xunta un novo Pavillón Deportivo para Mugardos
13 novembro 2009O BNG de Mugardos informa da ultima reunión mantida polo Alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, e polo Concelleiro de Deportes, Xosé Antón Bouza Rei, co Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galiza, José Ramón Lete.
A xuntanza solicitouse meses atrás co obxectivo de coñecer cal é a situación en que se atopa o proxecto de execución dun novo Pavillón Deportivo para Mugardos.
No transcurso da reunión, os nacionalistas expuxéronlle ao Secretario Xeral a necesidade de contar con esta infraestrutura deportiva, xa que, con toda seguridade, Mugardos é o único concello de Galiza en termos de poboación, que carece destas instalacións deportivas, a pesares de ser solicitadas repetidamente dende o ano 2003.
Lembráronlle ao Secretario Xeral para o Deporte que, máis que dunha nova petición, do que se trata é que dunha vez por todas se faga xustiza co Concello de Mugardos e se consigne partida para a execución do proxecto do novo Pavillón Deportivo – xa redactado- e para o cal o Concello ten destinados os terreos necesarios no lugar do Cristo.
O Secretario Xeral para o Deporte, asegurou que introducirá este tema nos vindeiros orzamentos do exercizo 2010 e comprometeuse a visitar as instalacións deportivas actuais e os terreos das futuras instalacións.
Desde o BNG de Mugardos agardamos que o compromiso se faga realidade e poder contar cunha infraestrutura acorde aos intereses das mugardesas e os mugardeses.
Deixa unha resposta
Tes que estar rexistrado para enviar un comentario.