10 RAZÓNS PARA VOTAR BNG ESTE DOMINGO

4 xuño 2009

1. Porque tanto PP como PSOE e os seus eurodeputados e eurodeputadas xogan sempre co equipo de fóra, polo que, tal e como dixo Castelao, para loitar de verdade polos problemas de Galiza e acadar resultados, necesitaríamos que cando menos, en caso de non selo, se sentisen galegos ou solidarios cos problemas do noso pobo.

2. Porque non é explicábel como Galiza perde poboación, mentres o resto do Estado crece, e isto ten a súa causa nos milleiros de traballadoras e traballadores galegos que aínda se ven obrigados a emigrar por non ser quen de atopar traballo no noso país.

3. Porque para combater esta situación, é preciso apostar por un modelo de Europa distinto, fronte á proposta única de PP e PSOE que non é outra que o modelo de Sarkozy, Berlusconi ou Merkel, porque todos eles pediron o si á Constitución Europea.

4. Porque o BNG reivindica unha Europa social, que respeite os dereitos dos traballadores e traballadoras, que apoie aos servizos públicos, que garanta a libre interrupción do embarazo e cun modelo económico baseado na economía produtiva e no que Europa ten que xogar outro papel.


5. Porque as mulleres e homes que formamos parte do Bloque Nacionalista Galego estamos cansadas/os de oír á xente que di que os galegos e as galegas somos incapaces de competir, por iso precisamos unha representación do noso país, que traballe a prol do noso sector lácteo, a pesca ou o naval. Unha labor que só levou adiante o BNG en solitario.

6. Porque non podemos permitir seguir padecendo a precaria situación das infraestruturas ferroviarias galegas, e tampouco que se tome como excusa para xustificar os continuos retrasos da chegada da alta velocidade ao noso país como é a “orografía, cando se até os romanos facían calzadas de Braga a Lugo!. Porque durante os 16 anos de gobernos de PP e PSOE que transcorreron sen que o AVE chegue ao noso país, xa se rematou ou cando menos, está en obras en Andalucía, Valencia, Valladolid ou Cataluña.

7. Porque a mocidade galega debe ter un representante directo en Bruxelas, non con intermediarios, e ese representante será o BNG, que falará en nome da mocidade para que coñezan a realidade do país, xa que os mozos e mozas galegos representan o 15% da poboación, e porque non podemos permitir a situación económica que, antes de escoitar a palabra crise, ten levado a emigrar a tanta xente nos últimos anos pola ausencia de posibilidades de traballar na nosa terra. Porque é preciso que Galiza xestione directamente os fondos europeos destinados á investigación “para conseguir que a xente nova poida traballar aquí porque nestes últimos cinco anos, en Europa non se falou nada da mocidade galega, nin do noso sistema universitario”.

8. Porque calquera proceso de unidade económica ten que se fundamentar no respeito pola capacidade de decisión política dos pobos, das nacións, a soberanía. Porque o pobo galego ten que ter capacidade de participación, de diálogo e de decisión nos deseños que o afectan.

9. Porque a diferenza do PSOE e do BNG, consideramos que na UE non existe neutralidade senón normas ditadas politicamente en beneficio dos sectores transnacionalizados e da capacidade de presión específica da cada Estado. Resulta aberrante unha globalización económica que provoca o abandono total da agricultura nun país (o caso galego), mentres o obriga a consumir “alimentos que se producen a 6.500 quilómetros de distancia do fogar. A necesaria reestruturación do sistema ten que pasar polo equilibrio económico entre as nacións e, xa que logo, pola viabilidade dun tecido produtivo de seu, comezando polo sector agrario. A dependencia do sector público dos sectores estratéxicos da economía, concretamente o enerxético, é outra condición para unha planificación responsábel do futuro, incluída a capacidade de combater o cambio climático.

10. En definitiva, porque tal e como dixo Castelao: “Europa é un conglomerado de vellas nacionalidades, que non se transloce no mapa dos seus Estados, porque alí a división política endexamais se axustou á vontade dos pobos, nin á lingua que falaban, nin sequera ao interese do conxunto, senón á lei que impuxo cada vencedor nas múltiples guerras que leva sufrido”. Porque a Unión Europea que defendemos as e os nacionalistas está no recoñecemento da soberanía dos pobos, das súas linguas sen excepcións, no diálogo e acordo que asegure o interese do conxunto, de todos e de todas, no pacifismo e, consecuentemente, no cambio de modelo socio-económico.

Ven con nós a Europa, vota BNG!

Publicado na categoría Europa, Galiza | | Enriba

Deixa unha resposta

Tes que estar rexistrado para enviar un comentario.