As Normas do Hábitat Galego

O obxectivo das Normas do Hábitat Galego (NGH) é mellorar a calidade das vivendas que se constrúen en Galiza e, por tanto, a calidade de vida dos galegos e galegas, tendo en conta, ademais, que se trata do maior esforzo económico que deben afrontar as persoas ou familias.

As normas estabelecen as calidades mínimas que deben reunir as vivendas que se constrúen neste país, para obter unhas vivendas:

  • Máis amplas, con máis superficie, porque nunca as vivendas foron tan pequenas e tan caras,
  • Exteriores, con máis iluminación natural e máis soleadas,
  • Máis accesíbeis para a xente maior, -porque todos/as aspiramos a envellecer na nosa casa-, e para persoas con mobilidade reducida, temporalmente ou non, accesíbeis para as persoas que se desprazan en cadeiras de rodas,
  • Mellor integradas no territorio que nun edificio onde compras unha vivenda cun esforzo económico moi elevado e despois deixa os baixos con ladrillo sen revestir durante anos e anos co impacto visual que iso provoca.

Exemplos de  melloras:

  • Incremento da superficie mínima: de 26 a 40 metros cadrados útiles (+83%). Curiosamente esta superficie mínima para as vivendas dun dormitorio xa é exixíbel nas vivendas protexidas desde 1978.
  • Incremento de todas as estancias: cociña de 7 metros a 9 (28%), o dormitorio dobre de 10 a 12 metros cadrados (20%), a zona de día (estar-comedor-salón) pasa de 16 a 21 metros cadrados (31%), o baño de 2 a 5 metros cadrados, para que poda ser usado por persoas en cadeiras de rodas. Ademais, a disposición dos aparatos sanitarios deberá ser tal que permitirá convertelo nun baño de uso adaptábel para persoas con mobilidade reducida segundo a normativa de accesibilidade.
  • Incremento da calidade dos patios interiores: para ganar máis iluminación. Até agora 9 metros cadrados, con esta nova norma o mínimo será 16 metros cadrados. A vivenda protexida xa ten patios de mínimo 16 metros cadrados desde 1978. A vivenda libre que é moito máis cara dispón de patios ínfimos de 3 x 3 metros.
  • Incremento de ancho de corredores, de portas, da altura libre entre solo e teito: todo en aras de mellorar a accesibilidade. Ironicamente se preguntan os promotores e o PP se é que os galegos imos ser máis altos co resto dos españoles. Resulta que non podemos ter vivendas de máis calidade espacial até que o determinen noutras partes do Estado, Galiza non pode ir a vangarda en materia de calidade, segundo o PP e promotores.
  • Todas a estancias serán exteriores, con algunha excepción que, nese caso, debe dar a un espazo interior ou exterior de calidade.
  • Os ascensores deben comunicar a vivenda co garaxe e co rocho.
  • Os garaxes deben ter espazo suficiente para saír e poder esperar para incorporarse a calzada sen invadir a beirarrúa. Tamén se incrementan as dimensións das prazas de garaxe.

Unha normativa tan positiva para o conxunto dos cidadáns e das cidadás está loxicamente logrando o apoio e respaldo de organizacións sociais que aspiran a mellorar a calidade da vivenda: organizacións de discapacitados/as, organizacións ambientalistas, o Colexio Oficial de Arquitectos, etc… Tan só o Partido Popular, algúns alcaldes do PSOE e algúns promotores cuestionan a normativa por razón de intereses partidistas ou gremiais, pero non de interese xeral ao que nos debemos os/as representantes dos cidadáns e das cidadás.

A NHG non invade ningunha competencia dos concellos, senón que aposta por vivendas de máis calidade actualizando unha normativa -o Decreto de Habitabilidade 311/1992 até agora en vigor- que está obsoleta e que non responde ás exixencias de calidade da sociedade galega actual que ve como na última década se incrementou o prezo da vivenda nun 300% sen que iso supoña un incremento na calidade. Tratouse dun incremento do prezo especulativo, sobre todo derivado da especulación do solo. Ninguén se preocupou de que ese incremento disparatado repercutise tamén na calidade das vivendas dos galegos e galegas, e non  é de recibo que sexan de novo os galegos e galegas os/as que teñan que esperar para ter vivendas mellores, agora que os beneficios xa non poden ser especulativos.

Por todo isto, resulta sorprendente e inaudito que unha forza política, o Partido Popular, se opoña e pida a derrogación dunha norma do Goberno galego que só pretende mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas con vivendas de máis calidade, e non se pronunciase ao longo destes anos sobre ese incremento exponencial e especulativo do prezo da vivenda nin se preocupase pola calidade das vivendas e agora pretenda derrogar esta normativa.

Neste sentido, ao redor do debate do decreto Hábitat queda evidenciado que hai unha forza política, o BNG, que desde o goberno se preocupa por mellorar a calidade de vida da maioría dos veciños e veciñas do país. Fronte a esta actitude, temos a do Partido Popular que utiliza a súa representación, non para defender e traballar polos intereses da maioría social e das persoas que máis precisan unha vivenda e que esta sexa de calidade, senón que se erixen nos portavoces e defensores de intereses particulares e de pequenos grupos de presión.

Rexeitamos tamén a acusación de invasión das competencias municipais, aínda que neste aspecto, serán os tribunais, pola decisión do PP e do PSOE na Fegamp, os que clarificarán o aspecto competencial no seu momento. Con todo sorprende que se alegue invasión de competencias neste caso e non cando se aprobou a Lei do Litoral, que si afecta a elaboración dos plan xerais.

En definitiva, o BNG aposta por unha política de vivenda pensada nos intereses de Galiza e das maiorías sociais sen supeditarse a intereses particulares ou gremiais. Sabemos que as políticas de transformación social sempre provocan contestación dos que non desexaban os cambios ou dos que pretenden que os cambios sexan de persoas pero non de políticas.

Podedes consultar neste enlace a entrevista que a WEB do BNG lle faí á conselleira de Vivenda e Solo sobre o decreto de Normas do Hábitat Galego.

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

    Recent Entries