Jorquera: “É inadmisíbel que Navantia-Fene permaneza pechado”

08-02-23jorqueranaval.jpg

Francisco Jorquera asegurou este sábado que “é inadmisíbel que o Goberno Central, antes do PP e agora do PSOE, manteñan inactivo e en proceso de desmantelamento o estaleiro de Navantia-Fene nun momento no que os estaleiros da Ría de Vigo están desbordados de pedidos e mesmo teñen que mercar estaleiros fóra de Galiza para atender a forte demanda”. O cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña ao Congreso fixo estas declaracións durante as Xornadas sobre a Construción Naval Civil na Ría de Ferrol celebradas no CIS da Cabana, nunha semana na que se puxo en marcha o Centro Tecnolóxico do Naval Galego, promovido pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galiza, á fronte da cal está o nacionalista Fernando Blanco.Francisco Jorquera lembrou que “a comarca de Ferrol na que vivín e pasei a miña nenez nos anos 60 e 70 era unha comarca próspera e das máis dinámicas de Galiza grazas ao auxe da construción naval civil”. “O declive desta terra”, engadiu, “debeuse máis á submisión do Goberno español nas negociacións coa UE nas que decidiu sacrificar a ASTANO e ás políticas de discriminación dos estaleiros públicos galegos en favor dos doutras Comunidades Autónomas”.

Neste sentido, o cabeza de lista denunciou a estratexia do Goberno Central de “nin facer nin deixar facer para reflotar Navantia-Fene: por unha parte recortaron de forma drástica a plantilla do estaleiro, e claro agora din que todos os traballadores están ocupados, e por outra torpedearon o plan da Consellaría de Industria para recuperar o estaleiro para a construción naval civil e crear riqueza na comarca”.

Francisco Jorquera mostrouse convencido de que “fronte á resignación e o fatalismo que os partidos estatais queren manter nesta comarca, Ferrolterra ten futuro e o sector naval ten futuro porque non hai ningunha razón que xustifique que ASTANO siga sendo un cemiterio industrial”.

“Estamos ante unha oportunidade histórica, a de que Galiza sexa a chave na política estatal a través do BNG, e para poder conseguir así que o Goberno Central se vexa obrigado a levantar o veto político que ven condenando a Ferrolterra a ser unha comarca en retroceso e cos índices de paro máis elevados de Galiza. O 9 de marzo co apoio ao BNG é posíbel rematar con esta situación”, concluíu o candidato nacionalista.

Pola súa parte, o candidato nº3 do BNG ao Congreso, Francisco da Silva, expuxo as conclusións técnicas dos expertos que participaron nas xornadas. “Dende o punto de vista do mercado o boom da construción naval civil manterase a medio longo prazo por tres motivos: o transporte marítimo é máis barato que o por estrada ou avión, as vías terrestres están colapsadas e é necesaria unha renovación da flota mundial”, explicou.

“Dende o punto de vista técnico as infraestruturas de Navantia-Fene poden entrar nese mercado e son estratéxicas para o sector naval galego debido á falta de espazo nos estaleiros da ría de Vigo”.

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

    Recent Entries