Jorquera: “O 9-M non eliximos presidente nin goberno, senón os representantes de Galiza nas Cortes”

jorqueraprecampanha1.jpgAnte as máis de noventa persoas que encheron o Centro Cívico no serán deste mércores, o BNG comezou en Mugardos a precampaña das Eleccións Xerais do vindeiro 9 de marzo.

O acto empezou cunha presentación do alcalde, Xosé Fernández Barcia. O rexedor eloxiou o traballo feito por Francisco Rodríguez nesta lexislatura que remata, salientando as numerosas iniciativas sobre a comarca presentadas polo ferrolán —máis que todas as realizadas polos deputados do PP e o PSOE xuntos—.

Barcia deu entón paso ao senador Francisco Jorquera, cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña, quen comezou dicindo sentirse “orgulloso de dar un mitin nun Concello onde se acusa o alcalde de actuar en beneficio dos cidadáns”, referíndose á imputación do alcalde no sumario da Fiscalía por —textualmente— realizar xestións en beneficio do Concello, “algo do que desgraciadamente non poden presumir moitos cargos públicos doutras formacións”.

Jorquera continuou a súa intervención afirmando que nestas eleccións os galegos e as galegas “non imos elixir presidente, o que imos decidir é quen serán os representantes de Galiza nas Cortes Xerais”, incidindo na importancia de que Galiza teña máis peso en Madrid logo dos comicios, como única garantía do levantamento do veto sobre a construción naval civil en Ferrolterra. “Nesta lexislatura o BNG xa demostrou que cando é decisivo, o noso país sae gañando”. Proba disto foron os orzamentos negociados co goberno central, e que por primeira vez na historia non foron discriminatorios para Galiza, ou o desbloqueo da transferencia das competencias recollidas no Estatuto.

O candidato nacionalista rematou dicindo que, ademais da defensa dos nosos sectores produtivos, un dos obxectivos do BNG na vindeira lexislatura será a aprobación do Estatuto de Nación. “Para que o que Galiza aprobe nas urnas sexa respectado polas Cortes, o BNG ten que ser determinante en Madrid”, concluíu.

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

    Recent Entries