A oposición presenta unha proposta conxunta para retirarlle o soldo ao alcalde
- Posted by bngmugardos on Xaneiro 24th, 2008 filed in Local
Perante a proposta de retirada do soldo do alcalde, o BNG de Mugardos quere destacar que a iniciativa conxunta presentada por PSOE, PP, IU e IpM demostra como a xenreira persoal e o afán de vinganza é suficiente para unir a grupos politicamente tan dispares. Este comportamento explícase polo feito de que ningún partido da oposición aceptou aínda o resultado das eleccións municipais e a súa derrota nas urnas, polo que agora pretenden pór atrancos ao goberno e ao alcalde coa intención de que non poidan atender axeitadamente o concello e os veciños.
Para o BNG resulta chamativo que PSOE, PP, IU e IpM non se poñan de acordo para ofrecer un goberno alternativo para Mugardos, mais si para unha baixeza indigna como é quitarlle o soldo a un alcalde. Con esta iniciativa, esa amalgama de grupos políticos movidos por motivos persoais e non polo que agardan os seus votantes equivócanse pensando que prexudican o alcalde, cando en realidade prexudican os veciños e veciñas de Mugardos.
Con todo, o BNG lanza aos mugardeses unha mensaxe de tranquilidade, pois o goberno segue a traballar con normalidade, resolvendo problemas e conflitos e centrado agora nos orzamentos e os importantes proxectos e investimentos previstos, a pesar de que a oposición só pretende paralizar o concello por intereses partidistas.
O alcalde solicitou o preceptivo informe ao secretario municipal para clarificar a legalidade da iniciativa opositora, e co informe correspondente levarase a Pleno. Pedimos aos votantes dos grupos da oposición que tomen nota da política destrutiva e de vinganza persoal desa estraña coalición PSOE-PP-IU-IpM que, pola contra, é incapaz de facer unha soa proposta positiva para Mugardos.
Leave a Comment
You must be logged in to post a comment.