O BNG márcase como obxectivo o regreso de Navantia Fene á construción naval civil

5892-f-jorquera.jpgNun acto público de precampaña celebrado onte en Ferrol, Francisco Rodríguez presentou como cabeza de lista do BNG para as vindeiras eleccións estatais pola provincia da Coruña ao actual senador Francisco Jorquera, quen tamén vai coller o relevo canto a iniciativas en defensa do sector naval.

Logo de facer un repaso á actuación do BNG nas últimas lexislaturas en Madrid -un milleiro de propostas no parlamento nestes últimos doce anos sobre a comarca, máis que as presentadas por todos os deputados dos partidos estatais elixidos en circunscricións galegas xuntos-, Jorquera, ferrolán, afirmou que o nacionalismo galego “condicionará o seu apoio ao próximo Goberno que saia das urnas a que permita ao estaleiro de Navantia-Fene regresar á construción naval civil.

Neste senso, sinalou as iniciativas do BNG, a través da Consellaría de Innovación e Industria, “por levar adiante un plano para aproveitar o enorme potencial do estaleiro de Fene que actualmente se atopa infrautilizado ou, directamente abandonado”, sobre o que lembrou que “o PSOE, a través da SEPI, opúxose”.

O candidato nacionalista asegurou que nun contexto de ausencia de maiorías absolutas en Madrid, “os deputados e deputadas do BNG van ser aínda máis decisivos para escoller o presidente do Goberno e para influír nas políticas do Estado en beneficio dos intereses galegos, dixo, para “obrigar o novo Goberno a que suprima unhas restricións inadmisíbeis e a que deixe á comarca de Ferrol medrar nun sector no que ten capacidade para ser punteira a nivel mundial.

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

    Recent Entries