A Audiencia Provincial arquiva unha denuncia urbanística contra o alcalde
- Posted by bngmugardos on Xaneiro 11th, 2008 filed in Local
A Audiencia Provincial vén de arquivar unha denuncia por prevaricación presentada no ano 2006 contra o alcalde de Mugardos en relación coa concesión dunha licenza urbanística. Na denuncia acusábase ao rexedor de ter cometido prevaricación na concesión dunha licenza de obra para a construción das canalizacións correspondentes ao gasoduto de Reganosa.
Xa en maio de 2007, o Xulgado de Instrución nº7 de Ferrol decidira arquivar a denuncia argumentando en referencia ao alcalde que “conclúese que nada penalmente pode reprochárselle”. O denunciante recorreu ese arquivamento perante a Audiencia Provincial que no día de onte notificou a Xosé Fernández Barcia a nova resolución, ratificando definitivamente o arquivo da denuncia.
O BNG de Mugardos quere amosar a súa satisfacción por esta resolución xudicial. Lembramos que é moi doado denunciar nos xulgados, facer logo xuízos paralelos e condenar de antemán a persoas inocentes, pero o tempo pon a cadaquén no seu lugar e neste caso a xustiza acaba de ditaminar que a actuación do alcalde foi absolutamente legal.
Subliñamos ademais a intencionalidade política da denuncia presentada en 2006 contra Xosé Fernández Barcia por unha persoa estreitamente vinculada ao PSOE, partido que recentemente solicitou a dimisión do alcalde sen agardar a que a Xustiza fale e ditamine.
Por todo isto, o BNG pide ao resto de forzas políticas que tomen nota desta decisión xudicial firme e teñan máis prudencia á hora de pedir responsabilidades políticas e esixir dimisións por outros feitos que se están aínda investigando.
Leave a Comment
You must be logged in to post a comment.