Licítase a construción das vivendas sociais en Mugardos

129743.jpegA Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, acaba de sacar a licitación, por un orzamento de 838.236 € e un prazo máximo de execución de 24 meses, a construción de 9 vivendas protexidas de promoción pública no Concello de Mugardos.

Estas 9 vivendas serán construídas nunha parcela de 680 metros cadrados, cedida polo Concello, situada na zona das Casas Baratas, entre as rúas Fene e Eduardo Pondal. Son vivendas unifamiliares acaroadas de dúas plantas, cunha superficie útil de 77 metros cadrados e contan con 2 dormitorios e 2 baños. Todas teñen praza de garaxe e rocho situados no semisoto.

O proxecto inclúe un local, na esquina das rúas, cunha superficie útil de 43 metros cadrados, que será cedido ao Concello para realoxar as oficinas da Garda Civil, que xa estaban situadas nesta parcela nunha construción anterior.

A Consellaría de Vivenda e Solo promove a construción de vivendas protexidas de promoción pública dirixidas a persoas ou unidades familiares ou convivenciais cuns ingresos ponderados de entre 0,7 e 2,5 veces o Indicador de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM), é dicir até 15.000 € anuais aproximadamente. Os solicitantes deberán residir ou ter o seu posto de traballo no Concello no que se constrúen as vivendas.

Tanto o alcalde, Xosé Fernández Barcia, como a concelleira de Benestar Social, Anxos Díaz, manifestaron a súa satisfacción pola concreción deste proxecto, un dos eixos principais da política do BNG en materia de servizos sociais para este mandato 2007-2011. Lembramos que recentemente remataron as obras da vivenda sociocomunitaria, que o goberno local prevé que pase a ocuparse en breve, tamén nesta mesma zona, e que vai dar cabida a outras seis persoas.

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

    Recent Entries