Este martes 4 de outubro, acto sobre a reforma da Constitución

2 de Outubro de 2011

Este martes 4 de outubro, ás 20:00, no Centro Cívico, o Bloque Nacionalista Galego organiza un acto público para tratar as consecuencias da reforma neoliberal da Constitución española, pactada por PP e PSOE, e que fixou como prioridade fundamental o pagamento da débeda aos especuladores, por enriba de calquera investimento social ou servizo á cidadanía. Intervirán o alcalde, Xosé Fernández Barcia, e Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Congreso dos Deputados e nº 1 da nosa candidatura pola provincia da Coruña nas eleccións do vindeiro 20-N.

Publicado na categoría Local | Enriba | Deixa un comentario »

Nova modalidade: denuncia infraccións vía blog

2 de Setembro de 2011

Dende o grupo municipal do BNG de Mugardos vimos observando con sorpresa as reiteradas denuncias a través dos distintos blogues, páxinas web e redes sociais, que por suposto non teñen validez xurídica nin legal á hora de interpoñer sancións ou denunciar infraccións cometidas no noso concello, pero si poden ser utilizadas con fins electoralistas…

Consideramos unha actuación oportunista cívica e politicamente falando a denuncia e divulgación de posibles infraccións a través de internet, en lugar de poñer os feitos en coñecemento de quen corresponde, ben sexa Policía, Garda Civil, etc. Todos estamos para colaborar, sexamos veciños, veciñas ou cargos electos.

Todos os grupos, e os concelleiros e concelleiras que forman parte da corporación municipal, teñen múltiples órganos no seo do Concello como plenos, comisións informativas ou rexistro, así como contacto diario e directo cos presidentes das distintas comisións para aportar todos os datos que consideren de relevancia. Ante o coñecemento de calquera infracción ou problemática que detecten, todos eles teñen os teléfonos de concelleiros, Policía Local ou Garda Civil ante os que poden denunciar calquera dos feitos supostamente delituosos dos que teñan coñecemento, sexan de tráfico, urbanísticos, medioambientais, etc. e que sexan valorados ou verificados por técnicos cualificados nas distintas materias.

No ámbito concreto das infraccións de tráfico, todos os concelleiros coñecen a normativa que se está a aplicar, que é o Réxime Xeral de Circulación e a Lei de Seguridade Viaria; coñecen a situación das sancións interpostas, que en ningún caso son en pesetas, e coñecen a absoluta falta de urxencia no que á reforma da Ordenanza Fiscal de Tráfico se refire.

O que si cremos que debe ser subliñado é que a día 1 de setembro de 2011, a información colgada na rede sobre supostas infraccións de tráfico non ten chegado de xeito oficial á Policía Local deste Concello.

Non semella unha actuación cívica a de non denunciar aos infractores. As acusacións gratuítas que se fan de que dende o Concello se ten medo a sancionar aos infractores canda non é certa, si semella de aplicación para aqueles que denuncian na rede aos infractores pero non na Policía.

Publicado na categoría Local | Enriba | Deixa un comentario »

Aprobados os orzamentos de 2011

30 de Agosto de 2011

O Concello de Mugardos vén de aprobar os orzamentos do ano 2011 na sesión plenaria do pasado venres día 26 de agosto do 2011, cos votos a favor dos catro concelleiros do BNG, as abstencións de PP e PSOE e os únicos votos en contra de IU.

Para o BNG a aprobación destes orzamentos resultaba prioritaria polo incremento experimentado nos servizos prestados dende a área de Benestar nos últimos tempos, principalmente no referido ás axudas de emerxencia (partida que viu máis que duplicado o seu importe, chegando aos 23.000 €) e no servizo de axuda no fogar, no que se atenden máis de 50 persoas á semana (no que se mantén orzamentado o gasto de persoal xa incorporado ao servizo, e amplíase en 50.000 € a cantidade para a prestación deste servizo por parte do Concello).

Coa nosa proposta finalmente aprobada, evidénciase o noso compromiso cos nosos veciños e veciñas no que respecta a dar prioridade absoluta ás axudas e servizos para quen máis o precisan.

Dende o BNG mantemos o compromiso de máis servizo, de xestión pública e do cumprimento das necesidades básicas dos veciños e veciñas, por riba doutras valoracións políticas de menor entidade neste momento.

Como grupo de goberno temos unha responsabilidade que asumir neste sentido, así como o resto de concelleiros e concelleiras da corporación. Os recursos económicos non son ilimitados, e a nosa obriga neste momento é sacarlles o máximo rendemento posíbel.

Todo aquel que queira ver outros intereses nas nosas propostas, estará xulgando equivocadamente as nosas intencións, que, repetimos, son dar prioridade ao servizo de xestión pública por riba de calquera outra consideración.

Publicado na categoría Local | Enriba | Deixa un comentario »

Grazas pola confianza depositada en nós

24 de Maio de 2011

O Bloque Nacionalista Galego quere dar as grazas a todos os seus votantes pola confianza depositada en nós. Por terceira lexislatura consecutiva, o BNG foi o vencedor das eleccións municipais en Mugardos, e afronta ilusionado e con ganas de traballar esta nova etapa 2011-2015, na que poñeremos todo o noso esforzo para levar a bo porto os importantes proxectos xa iniciados e que configurarán o Mugardos do futuro. Somos tamén conscientes de que, malia termos sido de novo a forza máis votada, perdemos apoios respecto aos resultados acadados nas últimas eleccións. Comprometémonos pois a redobrar esforzos para recuperarmos a confianza de todas aquelas persoas que nesta ocasión non optaron pola nosa lista e incrementala en futuras citas electorais.

A Asemblea Local do BNG decidiu comezar agora unha rolda de contactos cos demais grupos para formar un goberno estábel nesta lexislatura. De novo, moitas grazas a todos e todas polo voso apoio!

Publicado na categoría Local | Enriba | Comentarios desactivados

O BNG pecha a campaña cunha festa na Praza do Mercado

20 de Maio de 2011

O Bloque Nacionalista Galego pechou este venres a campaña electoral cunha festa na Praza do Mercado, de novo marcada por unha nutrida asistencia.

Desde o BNG queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ás moitas persoas que colaboraron con nós e acudiron aos nosos actos ao longo destes quince días. Estamos seguros de que a súa contribución terá servido para que Mugardos poida afondar no proceso de transformación, progreso e benestar emprendido no noso concello polo goberno nacionalista.

Publicado na categoría Local | Enriba | Comentarios desactivados

Barcia pide unha maioría ampla do BNG para continuar co proxecto de transformación de Mugardos

19 de Maio de 2011

No mitin principal da nosa campaña en Mugardos, celebrado este martes 17 no Centro Cívico, o BNG volveu congregar unha notábel asistencia de público. Logo da presentación a cargo de Tania Fernández Iglesias, concelleira de Facenda, Patrimonio, Promoción Económica, Formación, Emprego e Turismo, Mónica Fernández comezou facendo un repaso polas principais actuacións do equipo de goberno nacionalista ao longo da lexislatura 2007-2011, a máis frutífera da historia de Mugardos e que transformaron o noso concello malia a situación de minoría na que nos atopábamos e a política obstrucionista da oposición. “E por todo isto, pedimos a vosa confianza, o voso voto, e a vosa inestimable axuda para que a nosa mensaxe chegue a familia, amigos, veciños, coñecidos cos que compartades a ilusión no noso proxecto, e que xuntos podamos seguir facéndoo realidade”, rematou.

Tomou logo a palabra o portavoz do BNG no Parlamento galego, Carlos Aymerich,  quen recalcou a incongruencia dos partidos estatais, que ocasionaron a perda de emprego na comarca e os recortes sociais tanto desde o goberno central como desde a Xunta, e agora fan a campaña nun sentido oposto, e sinalou que o Bloque Nacionalista Galego é a garantía da defensa das políticas sociais e os intereses de Galiza en contraposición aos partidos que serven os intereses de quen provocou a crise («os mercados»).

O alcalde e candidato á reelección, Xosé Fernández Barcia, logo de afondar en todo o acadado durante este cuadrienio, e dos moitos atrancos que houbo que superar («o esperpento do Caso Virgin orquestado para acusar xente inocente»), fixo referencia tamén ao desemprego, «virán aquí pedirvos o voto, prometendo que amañarán a situación do paro no pobo, pero non hai que esquecer que o PSOE pechou Astano, e grazas ao PP cen familias de Mugardos quedaron sen traballo (Metalúrgica del Atlántico)”. Logo sinalou que o BNG aborda esta nova etapa 2011-2015 co obxectivo de culminar o seu proxecto integral de concello, que pasará polo aproveitamento de todas as nosas grandes potencialidades —nomeadamente, as turísticas e culturais— a través da definitiva vertebración do casco urbano (rehabilitación do casco antigo, peonalización da Avenida do Mar, aparcadoiro soterrado e nova vía de acceso ao peirao) e a súa necesaria conexión coa nova oferta turística (sendas costeiras, museo arqueolóxico, Castelo da Palma).

Por último, e perante as declaracións realizadas nos últimos días por representantes de varios grupos da oposición, no sentido de que se teñen os votos suficientes conformarán entre todos —PSOE, PP e IU— un goberno alternativo ao do BNG, o candidato nacionalista sinalou que «en democracia, por suposto, os pactos son lexítimos, pero non cando para facelos se recorre ao transfuguismo e a subverter a vontade dos seus propios votantes. Polo tanto, as opcións que se nos presentan este domingo son dúas: continuar o camiño emprendido ou unha volta atrás. Para iso vos pido que este domingo, co voso voto, deades unha maioría ampla á candidatura do Bloque Nacionalista Galego».

O BNG porá fin á campaña cunha festa-mexillonada este venres 20 ás 20:30, na Praza do Mercado.

Publicado na categoría Local | Enriba | Comentarios desactivados

Ampliación das zonas verdes e mellora da rede viaria, principais logros no Seixo

18 de Maio de 2011

Este martes 17 os candidatos do BNG acudiron ao Seixo para presentar alí o balance do noso traballo nesta lexislatura. Máis de cincuenta persoas escoitaron a Xosé Xoán Roca, concelleiro de Obras, Servizos, Persoal e Medioambiente e número 4 da lista, Mónica Fernández e Xosé Fernández Barcia.

Ademais do proxecto global de concello que ten o BNG para Mugardos, os nosos candidatos centráronse nos principais logros do goberno nacionalista no Seixo durante esta lexislatura: a pavimentación con granito da rúa das Barcias e o asfaltado en quente do camiño da Farmacia, a ampliación do Campo do Río, a mellora na sinalización da avenida do Seixo, a reparación da escola infantil ou a inclusión da futura rotonda no proxecto das obras xa en marcha da EDAR.

Entre os obxectivos do BNG no Seixo para o vindeiro mandato figuran a construción dun parque biosaudábel e a mellora do parque de Beiramar, a urbanización e humanización da avenida do Seixo, o asfaltado en quente dos camiños do Francés e O Boado, levar o saneamento ás Escadas e continuar coa senda fluvial do río Ba desde o lavadoiro até a Ponte da Penela. Neste sentido, xa se adxudicaron as obras da recuperación do río entre a estrada da Deputación e o lavadoiro, que inclúen a creación dunha nova área de lecer. Outro punto clave tratado no mitin foi estado da estrada da Penela, que vén desde A Gallada e propiedade da Xunta, actualmente en trámites para pasar a mans municipais, se ben o Concello só se fará cargo dela cando a administración autonómica a traspase nas condicións óptimas tanto de asfaltado como de seguridade viaria.

Publicado na categoría Local | Enriba | Comentarios desactivados

San Xoán de Piñeiro, outra parroquia que xa conta con todos os servizos básicos

16 de Maio de 2011

O BNG celebrou este luns 16 de maio o seu mitin en San Xoán de Piñeiro. De novo perante unha numerosa asistencia de veciños e veciñas que participaron no acto, Mónica Fernández, número 2 da nosa candidatura, María Gracia Martínez, ex-presidenta da SCRD de San Xoán e número 6 da lista, e o alcalde, Xosé Fernández Barcia, expuxeron os principais logros da xestión do equipo de goberno nacionalista nesta parroquia, un dos lugares onde a transformación de Mugardos impulsada polo BNG quedou máis patente nesta lexislatura. Logo de anos de abandono, reivindicacións históricas da veciñanza, como a auga e as beirarrúas, son xa unha realidade. Tamén se levou a cabo a ampliación da rede de sumidoiros ás zonas onde non chegaba, como O Lodairo-Seselle, A Fonte-Igrexa e a Estación de Franza (a través de minidepuradora, unha novidade nas infraestruturas municipais), e realizáronse asfaltados en todas as zonas onde se actuou.

Para a lexislatura 2011-2015, as principais propostas do BNG en San Xoán pasan pola instalación dun parque biosaudábel —similar ao que xa hai no peirao de Mugardos— e o asfaltado en quente da parte da rede viaria municipal que aínda carece del. Tamén manteremos e incrementaremos a colaboración co movemento cultural e deportivo, tradicionalmente moi activo nesta parroquia con eventos como o Festifolk ou o Maratón Popular.

O alcalde e candidato á reelección, Xosé Fernández Barcia, puxo todo o conseguido durante este mandato como proba de que «para o BNG, todos os veciños son iguais en dereitos», e aproveitou para lembrar de novo á veciñanza de San Xoán a importante suba no prezo da auga que prepara o PP desde a Xunta para despois das eleccións, cunha lei inxusta e de afán exclusivamente recadador que aprobou en solitario no Parlamento.

Publicado na categoría Local | Enriba | Comentarios desactivados

Franza, exempo da transformación que experimentou Mugardos

14 de Maio de 2011

O BNG celebrou este venres, no local do Casino Progreso de Franza, o seu primeiro mitin desta campaña. Interviñeron Mónica Fernández, número 2 da nosa candidatura, Xosé Antón Bouza, concelleiro de Urbanismo, Cultura e Deportes e número 3 da lista, e o alcalde e candidato á reelección, Xosé Fernández Barcia.

Perante unha nutrida asistencia de público —o do BNG foi novamente o acto ao que máis xente acudiu en Franza esta campaña—, os candidatos nacionalistas fixeron un repaso ao cambio transformador que experimentou Mugardos co goberno nacionalista, cun investimento público de preto de 12 millóns de euros. O Complexo Acuático do Castro, o Local Social construído na antiga Cámara Agraria, as beirarrúas ou o tan necesario abastecemento de auga figuran entre os logros máis destacados da nosa xestión en Franza, así como a reparación da pista polideportiva ou os asfaltados do Morteirado e San Vitorio, malia os constantes atrancos que puxeron a todas estas iniciativas os grupos da oposición.

A continuación expuxéronse os principais obxectivos do Bloque Nacionalista Galego para esta nova lexislatura 2011-2015, que en Franza pasan pola creación dun parque biosaudábel —similar ao que xa hai no peirao de Mugardos—, aglomerar os camiños que aínda non foron asfaltados en quente, mellorar o Campo da Regueira (con alumeado, mobiliario e xogos infantís) e levar a rede de sumidoiros ao Monte.

Ao remate do acto, que foi totalmente aberto, os veciños que quixeron puideron tomar a palabra.

Publicado na categoría Local | Enriba | Comentarios desactivados

Unha nova vía que cambiará a configuración do casco urbano de Mugardos

12 de Maio de 2011

Un dos puntos máis destacados do programa de goberno do Bloque Nacionalista Galego para este periodo 2011-2015 que estamos a piques de comezar é a construción dun novo acceso ao peirao.

Trátase dunha vía de dous carrís, carril-bici e beirarrúa de tres a catro metros polo borde da costa de Santa Lucía, que partirá do Parque da Constitución, no extremo do paseo marítimo.

En toda a súa lonxitude, representa unha ocupación de entre 14 e 16 metros, e enlazará o peirao coa AC-133 a altura do Cruceiro de Meá. Suporía tamén a eliminación das curvas da Fonte Grande —que pasaría a converterse nunha zona verde ou área de lecer— e o ensanchamento desta mesma estrada autonómica coa eliminación das cunetas e a construción de beirarrúas desde A Pedreira-Rilo até a rotonda de Franza, o que favorecerá a conexión directa do porto coa vía de alta capacidade.

Esta importante mellora permitirá desconxestionar o tráfico e implicará unha notábel dinamización para o casco urbano, nomeadamente no ámbito turístico.

Varios grupos da oposición puxeron xa os seus habituais atrancos ao proxecto, coa mesma estratexia obstrucionista á que recorreron noutras iniciativas (campo de fútbol, piscina ou escola infantil): cuestionando o emprazamento e insinuando que as administracións supramunicipais non ían dar os correspondentes permisos. A Xunta de Galiza, non obstante, xa ten constancia da proposta e avanzou a súa predisposición a apoiala.

Publicado na categoría Local | Enriba | Comentarios desactivados

Seguinte páxina »

Olark Livehelp